Museo Museo de las Peregrinaciones y de Santiago
Inventario D-891
Clasificación Genérica Pintura
Objeto/Documento Cadro
Autor/a Atribuído a; Juan de Borgoña de Toro (Fecha de defunción: 1565) [Atribución de Juan Carlos Pascual de Cruz]
Título Santiago na batalla de Clavixo
Materia/Soporte Pintura ao óleo
Táboa
Técnica Óleo sobre táboa
Dimensiones Longo = 14 cm; Ancho máx = 180 cm; Alto máx = 160 cm
Descripción Escena bélica circunscrita a un marco rectangular que se curva na parte superior na que aparece o Apóstolo Santiago caracterizado como cabaleiro ocupando a meirande parte da representación. Preséntase vestido con armadura, manto vermello, tocado co sombreiro de peregrino adornado coa emblemática vieira e montado sobre o tradicional corcel branco disposto en posición de corveta ante os inimigos, neste caso, un exército, ao parecer, de turcos, identificados polo escudo coa media lúa que porta o personaxe que fuxe a cabalo da implacable persecución do Apóstolo. Mentres que coa súa man esquerda suxeita as rendas do animal, coa dereita sostén unha lanza coa que pretende asestar o golpe final ao infiel que está a caer ao chan xunto co seu propio cabalo. Outro mouro xace derrotado e gritando de dor no solo, aprisionado polos cuartos traseiros do corcel de Santiago.
A escena está a transmitir, pois, o dinamismo, tal vez un tanto acartonado, e a violencia propios dun episodio bélico ao tempo que amosa como o artista se recrea no seu labor pictórico mediante a ornamental disposición dos mantos ao vento rematados en bucle (en especial, o do Apóstolo resaltado, ademais, polo tamaño e a intensidade da cor), a exótica indumentaria dos mouros, tocado un deles cun vistoso turbante con plumas, e a sinuosa caracterización das colas dos cabalos.
Tras este primeiro plano onde se dispoñen as figuras, sitúase, xerando profundidade, unha árbore no extremo dereito do cadro, resolvendo o fondo mediante unha paisaxe montañosa de tonalidades frías que contrasta coas cálidas, a base de vermellos, laranxas, marróns e amarelos, do primeiro termo.
En canto á técnica, xunto ao protagonismo que adquire a liña que conforma o contorno das figuras, debe destacarse a gradación cromática coa que se xera o volume das formas así como esta delicada preocupación polo uso efectista da cor.
Finalmente, na parte inferior da escena desenvólvese a inscrición relativa á dotación da capela á que pertenceu esta obra.
Iconografia Santiago na Batalla de Clavixo; Santiago Matamouros; Santiago Mataturcos
Inscripciones/Leyendas Extremo inferior, Pintado a man, Castelán, Letras maiúsculas
(1550[ca])
ESTE RETAbLO . ES DE . ESTA CAPELLA . Q . DOTO . XIMENA . GIL . EN EL . AÑO . DE . J V . D . VII ANS. (Este retablo es de esta capilla (capellanía?) que dotó Ximena Gil en el año de 1507 años.) [Utiliza na datación o símbolo J (= I) para indicar a unidade e o símbolo V (= U) (calderón) para indicar o millar.
A data que reflexa a inscrición corresponde á fundación da capela e é anterior á realización do cadro.]
Datación 1550[ca]
Contexto Cultural/Estilo Renacemento
Lugar de Producción/Ceca Castela e León (España, Europa do Sur)
Uso/función Devocional. Como expresa a inscrición, este cadro foi doado para unha capela que consecuentemente estaría dedicada á advocación do Apóstolo Santiago.
Descriptores Onomásticos Gil, Ximena
Descriptores Geográficos Toro; Zamora; España
Historia del Objeto EXPOSICIÓNS: Iacobus. Salón de Cerimonias, Pazo de Xelmírez, Museo Catedral de Santiago, do 18 de xullo ao 30 de novembro de 2013.
Clasificación Razonada A inscrición na que se indica explicitamente a súa pertenza a unha capela dotada por Dona Ximena Gil no ano 1507 e dedicada, moi probablemente, á súa advocación, permite sinalar unha data post quem para o retablo ao tempo que constata a relevancia do seu culto nun momento histórico especialmente convulso. De feito, a elección da representación do Santiago Matamouros tampouco será casual.
Esta iconografía do Jacobus Miles Christi ten a súa orixe en torno aos anos finais do século XI e primeiros do XII e parece ter nacido da necesidade dunha protección guerreira para unha sociedade, a cristiá, ameazada seriamente polas pretensións islámicas. A imaxe icónica que posteriormente se ideará sobre el forxarase a partires do extraído dos textos que se manexaban nesa época, entroncando, de igual modo, con tradicións como a dos santos militares, entre os que cabe destacar a San Xurxo polas súas míticas actuacións en contra dos musulmáns. Por iso é representado sobre un corcel branco, símbolo da vitoria, posto que, tanto nun como no outro, o espírito de cruzada é o principal fin, sendo o anterior valedor para os lugares santos e Santiago para a España ocupada.
Co paso do tempo crearase un tipo iconográfico coas seguintes características: o referido cabalo branco a galope, a espada nunha man -neste caso unha lanza que, xunto co uso de armadura en lugar da tradicional túnica apostólica indicaría unha clara contaminación coa iconografía de San Xurxo-, e con un ou máis combatentes mouros aos seus pés. Xunto a estes elementos máis habituais, se lle van incorporar outros, como o sombreiro de aba ancha e as cunchas, símbolos xacobeos inequívocos, polo que se fusionan dúas iconografías, a de Apóstolo peregrino e a de santo cabaleiro, creando un tipo transaccional que gozará dun extraordinario éxito.
Trala conquista de Granada, e ante o que puidera pensarse, non decaerá o culto a Santiago Matamouros senón que volverá a aparecer en escena en tanto que a partir do século XVI toman o relevo na loita contra a "paz cristiá" novos inimigos: os indios, os africanos e os turcos. Precisamente, neste novo ambiente de desacougo e preocupación derivado dos enfrontamentos cos infieis (a batalla de Lepanto, a conquista de América, etc.) é onde debemos encadrar esta pintura devocional, en tanto que reactualizaría a súa primixenia función de recordar a victoria do Apóstolo na batalla de Clavixo e o seu padroado sobre España.
Nos casos máis desenvolvidos deste tema, como algunhas representacións pictóricas tardías, non só se representou o Santiago cabaleiro, senón toda unha escea de loita na que se incluíron os dous exércitos: o cristián (identificado, neste caso, unicamente coa figura do Apóstolo), e o árabe.
O aumento da súa popularidade fóra da Península Ibérica a partir deste momento debeuse á xa mencionada loita contra os turcos que ameazaban Europa así como a outros problemas relixiosos xurdidos dentro do marco da Reforma luterana, de modo que en este contexto, o Apóstolo Santiago aparecería, novamente, como loitador contra os infieis e os herexes.
Polas características artísticas Juan Carlos Pascual de Cruz atribúe esta obra a Juan de Borgoña de Toro (Ver.: "Una tabla de Santiago en la batalla de Clavijo del Museo das Peregrinacións e de Santiago, atribuida a Juan de Borgoña de Toro" Ad Límina, nº 4 (p. 219-231). Sobre este pintor e o seu entorno Ver: PASCUAL DE CRUZ, J.C., Lorenzo de Ávila. Una ilusión renacentista. Instituto de Estudios Zamoranos Florán de Ocampo, Zamora, 2012.
Forma de Ingreso Depósito por compra. Tenteo
Fecha de Ingreso 26/12/2007
Catalogación Domínguez Pallas, Desirée; Pérez Outeiriño, Bieito
Subir

© Ministerio de Cultura | v49.0 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6